Non é caridade, é xustiza social: pensións e vivendas dignas xa!

Dende o Sindicato de Inquilinas de Vigo mobilizámonos o sábado 21 de febreiro, ás 12h dende a Praza do Toural en Compostela, xunto a MODEPEN e outras organizacións sociais, para dicir alto e claro que non imos tolerar que se enfronte ás pensionistas coas traballadoras con problemas de acceso á vivenda.

No último mes asistimos a un auténtico teatro político arredor das mínimas medidas de protección social das que dispoñemos. Referímonos ao toma e daca no Congreso sobre a aprobación da moratoria de desafiuzamentos incluída no Escudo Social e á revalorización das pensións. A seguinte votación do Escudo Social farase por separado da revalorización das pensións, previsiblemente o 26 de febreiro, e existen posibilidades reais de que volva decaer.

Mentres tanto, 60.000 desafiuzamentos paralizados —a maioría de inquilinas que non poden pagar o alugueiro— poden reactivarse. Lembramos que a moratoria só cobre un de cada catro desafiuzamentos xudiciais. A isto súmase a extinción de máis de medio millón de contratos de alugueiro asinados hai cinco anos, nun contexto de escalada dos prezos que xa afecta a todas as cidades do Estado.

En Vigo e no conxunto de Galicia esta realidade non é unha abstracción: o incremento sostido dos prezos do alugueiro nas principais cidades galegas, xunto coa finalización de contratos do ciclo anterior, está a empurrar a moitas familias traballadoras e persoas maiores a situacións límite. A presión sobre o mercado do alugueiro nas zonas urbanas e costeiras galegas reproduce a mesma lóxica rendista que denunciamos a escala estatal.

Ademais, máis dun millón de persoas usuarias do bono social poderían perder o acceso á luz, á auga ou á calefacción. O desmantelamento do escudo social non é un debate técnico, senón que ten consecuencias materiais inmediatas.

Rentismo e financiarización da vida

Os datos son claros. O prezo do alugueiro, de media no Estado, subiu un 40% nos últimos cinco anos. No mesmo período, a inflación aumentou un 22% e o salario medio un 20%. A isto chámaselle rendismo: a apropiación crecente de renda por parte dos grandes propietarios mentres os ingresos do traballo perden capacidade adquisitiva.

En paralelo, o prezo dunha praza nunha residencia privada ascende hoxe a 2.200 € ao mes. O 75% das prazas de residencias do país —arredor de 300.000— son privadas. A pensión media é inferior a 1.400 €. Catro millóns de pensionistas cobran menos de 1.000 €, incluíndo case medio millón de persoas que perciben unha prestación non contributiva inferior a 600 €, maioritariamente mulleres que sostiveron historicamente os coidados.

Ante os tres millóns de pensionistas viven de alugueiro, a financiarización do sistema de coidados na vellez resúmese en: privatízase a vivenda, privatízanse os coidados e obrígase a amplas capas da poboación a destinar a maior parte dos seus ingresos ao pagamento de rendas ou prazas privadas.

En Galicia, onde o envellecemento demográfico é estrutural e o peso das pensións na economía é especialmente relevante, o impacto desta dinámica é aínda máis profundo. Cando a pensión non chega para cubrir unha residencia privada e o alugueiro absorbe unha parte crecente dos ingresos, a precariedade convértese en norma.

Non é un conflito xeracional, é un conflito de clase

A conclusión é inequívoca:

  • A vivenda é cada mes máis inasumible cos salarios da clase traballadora.
  • Unha praza nunha residencia custa máis que a pensión que recibe a maioría.

Non é culpa das pensionistas que a mocidade teña problemas para emanciparse. Non é culpa da mocidade que as persoas maiores non poidan pagarse a vellez. Privatizan o acceso á vivenda, privatizan a vida na vellez e enriquécense os de sempre.

Cada ano que pasa, os grandes propietarios e as grandes rendas acumulan máis. Non estamos ante un conflito xeracional, senón ante un conflito de clase.

As nosas reivindicacións

Por todo isto, defendemos:

  • Sistema de residencias público, suficiente, de calidade e con dereitos laborais.
  • Pensións mínimas fixadas no salario mínimo, incluíndo as non contributivas. Derrogación das reformas de pensións e da Lei de promoción dos Plans Privados de Emprego.
  • Prórrogas obrigatorias de 3 anos adicionais dos contratos de alugueiro. Escudo social permanente e ampliado para evitar todos os desafiuzamentos.
  • Lei contra a estafa ás inquilinas: fin do alugueiro de tempada e por habitacións.

Non é caridade, é xustiza social. Pensións e vivendas dignas xa.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio