VIGO POLO DEREITO A TEITO - Manifestación · Venres 21 de Marzo de 2026
A emerxencia habitacional en Vigo non deixa de medrar. Prezos do alugueiro disparados, oferta inexistente, sen protección ás familias vulnerables… Miles de vivendas permanecen baleiras mentres familias buscan onde vivir, e as institucións miran para outro lado. Non podemos agardar máis.
O acceso a unha vivenda digna, estable e asumible converteuse nun privilexio ao alcance duns poucos. Familias traballadoras, a mocidade, persoas maiores, mulleres con crianzas e persoas en situación de vulnerabilidade atópanse cada día ante a mesma doente incertidume: onde vou vivir?
Esta situación non é froito da casualidade nin dun fenómeno inevitable. É o resultado directo de decisións políticas, da complicidade coa especulación e da falta absoluta de vontade para poñer o dereito á vivenda por riba do negocio inmobiliario.
Por iso, o vindeiro 21 de marzo saímos á rúa nunha gran alianza pola vivenda, na que organizacións sociais, veciñais, culturais, ecoloxistas e sindicais camiñaremos xuntas polo dereito a teito. Porque a crise da vivenda en Vigo é política, e a resposta tamén debe ser política: organizada, dende abaixo e contundente.
As nosas cinco esixencias
1. Declaración de zonas tensionadas
O propio Concello de Vigo encargou en 2025 un estudo que confirma que a cidade cumpre os requisitos legais para ser declarada zona de mercado residencial tensionado, con polo menos 17 áreas onde os alugueiros medran moi por riba do IPC. O Sistema Estatal de Referencia de Prezos corrobora os sobreprezos xeneralizados en barrios residenciais e no mercado estudantil. A pesar disto, o Concello non solicitou á Xunta a aplicación do control de prezos que prevé a Lei de Vivenda. Limitar os prezos é unha ferramenta imprescindible para frear abusos, reducir as rendas e garantir estabilidade ás inquilinas. Polo que esiximos que o Concello solicite de maneira inmediata a declaración de zonas tensionadas e que a Xunta tramite e aprobe a declaración sen máis demoras.
2. Un parque público de vivenda real e suficiente
Con preto de 10.000 persoas demandantes inscritas, o parque público é escandalosamente insuficiente. A resposta institucional céntrase case exclusivamente na construción de nova vivenda: un modelo lento, depredador de territorio e incapaz de dar resposta urxente a emerxencia actual. Tendo en conta as máis de 21.000 vivenda baleiras na cidade, cómpre ampliar o parque público de vivenda coa xa construída, mediante a merca, rehabilitación e programas de intermediación, con obxectivos anuais claros e financiamento adecuado. Tamén garantir que ningún desafiuzamento remate cunha familia na rúa, reforzando os servizos de emerxencia habitacional e impedindo despoxos sen alternativa residencial.
3. Freo á especulación turística
As Vivendas de Uso Turístico superaron as 2.400 en 2025, agravando a escaseza de alugueiro, encarecendo os prezos e expulsando á veciñanza. Unha situación que empeora pola proliferación de VUT ilegais nun contexto xa de por si crítico. Non podemos permitir que Vigo se converta nun parque temático para turistas mentres as traballadoras non atopamos onde vivir. Reclámamos parar a concesión de novas licencias, limitar as VUT por barrio e reforzar a inspección e o peche das ilegais. O modelo especulativo depredador non ten cabida na nosa cidade.
4. Fin do abandono das persoas sen fogar
O albergue municipal, con só 38 prazas e estancias limitadas a 15 días, é completamente insuficiente e perpetúa a exclusión destas persoas en situación extrema. É urxente elaborar un censo municipal, ampliar as prazas de forma estable, eliminar límites temporais e garantir o acompañamento social, psicolóxico e sanitario. Destacamos especialmente o senfogarismo feminino encuberto, invisibilizado nos censos, que afecta a mulleres en situación de maltrato e prostitución. Un goberno que se di feminista non pode seguir ignorándoas.
5. Residencias públicas para o estudantado
Vigo conta con só 234 prazas públicas e ningunha universitaria, mentres proliferan residencias privadas con prezos inasumibles. Isto limita o acceso da mocidade da clase traballadora á educación superior. Polo que reclamamos a creación de residencias públicas integradas nos barrios e o incremento de axudas autonómicas para alugueiro ao estudantado que eviten que a vivenda sexa unha barreira ao dereito á educación.
A crise habitacional de Vigo non é un fenómeno inevitable: é o resultado de decisións políticas que priorizan á especulación e os intereses privados sobre o dereito a vivir dignamente. Existen ferramentas legais, recursos e vivendas suficientes para garantir un teito para todas. O que falta é vontade política e valentía. Por iso seguiremos organizadas e combativas, decididas a construír unha cidade habitable que poña a vida no centro e rompa coa lóxica especulativa e rendista que nos está expulsando. E non imos parar ata acadalo!
Fronte a súa codicia, a nosa unión e loita!!
ÚNETE Á MANIFESTACIÓN
VIGO POLO DEIREITO A TEITO
Venres, 21 de Marzo de 2026 · Vigo
#VigoPoloDereitoATeito
