En plena crise da vivenda, o Congreso dos Deputados rexeitou prorrogar a moratoria que mantén paralizados uns 60.000 desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade. A medida, incluída dentro do escudo social, conseguira deter un de cada catro desafiuzamentos dende a súa posta en marcha en 2020, en plena crise pola Covid-19.
Dende Amnistía Internacional, As Ninguéns, o Sindicato Estudantil Fervenza e o Sindicato de Inquilinas de Vigo lembramos que, aínda que esta moratoria necesitaba melloras notables para ampliar a súa cobertura, era a única medida que demostrara a súa efectividade á hora de deter os desafiuzamentos de familias vulnerables sen alternativa habitacional. Polo que é unha enorme irresponsabilidade deixar caer este decreto que causa inseguridade e incerteza ás familias.
A nosa prioridade é clara: non se pode deixar ás familias na rúa, a Administración agora mesmo non ten alternativas para afrontar o drama social que se aveciña. Por iso, esiximos ao goberno que aprobe un novo decreto lei que dea cobertura xurídica clara a todos os lanzamentos, ampliando a protección ás familias vulnerables.
Ademáis da paralización dos desafiuzamentos, é preciso:
- Declarar Vigo como zona tensionada para aplicar o control do prezo do alugueiro previsto na lei de vivenda.
- Un Plan plurianual con perspectiva de xénero para acadar que o 15% do parque total sexa público, de alugueiro asumible e social, tendo en conta a vivenda xa construída (baleiras de grandes propietarios, Sareb e públicas infrautilizadas).
- Unha moratoria indefinida en todo o concello para Vivendas de Uso Turístico e pechar as ilegais.
- Solucións para as persoas sen fogar, cuxa situación se recrudece en inverno por mor da climatoloxía extrema que está a acontecer.
- Ampliación das prazas de residencia pública para estudantes, de maneira que a educación non se converta nun luxo ao alcance duns poucos.
SE NOS QUEREN FÓRA, TERANNOS DE FRONTE
NON MÁIS DESAFIUZAMENTOS SEN ALTERNATIVA HABITACIONAL!!