A vivenda non é un negocio: Por un dereito digno para todos
O pasado 5 de xuño, xunto a milleiros de persoas, enchemos as rúas de Vigo cunha soa voz: A vivenda cústanos a vida. Aquel encontro non foi só unha manifestación, senón o berro dunha clase traballadora cansa de ter que sacrificar a súa vida para acceder a un dereito básico: a vivenda. Fronte ao cinismo dos rendeiros e á inacción das administracións, a resposta foi clara: mobilizámonos porque temos dereito a vivir, non a sobrevivir.

Mentres eles especulan, nós loitamos
A Alianza pola Vivenda de Vigo agrupa case unha vintena de organizacións porque esta crise non pode resolverse desde o individual. O problema é estrutural: máis de 21.000 vivendas baleiras mentres centos de familias dormen na rúa ou viven en condicións de amoreamento. Máis de 33.000 vivendas turísticas en Galicia, tantas como persoas demandantes rexistradas, mentres os prezos do alugueiro aumentan sen control e sen unha resposta política á altura. Vigo é, ademais, a cidade onde máis aumentan os alugueiros.
A vivenda é un dereito e precisamos que se garanta. Non se pode destinar a maior parte do salario a alugueiros de vivendas precarias que superan amplamente o asumible para quen percibe o salario mínimo. Hoxe xa non se constrúen vivendas para seren habitadas; constrúense pensando unicamente na rendibilidade económica e en exprmir cada vez máis a quen menos ten. O resultado é unha fenda crecente entre quen posúe unha vivenda e quen apenas pode chegar a fin de mes. Abonda xa!
A raíz do conflito: a especulación
Témolo claro: as políticas actuais non solucionarán o problema porque non afrontan a súa raíz, que é a especulación. Declarar zonas residenciais tensionadas, recuperar contratos estables e ampliar o parque público empregando vivenda xa construída son medidas necesarias para combater un modelo que pon na balanza a cobiza dos propietarios por gañar máis cartos e o dereito da maioría a unha vivenda digna, estable e accesible a todas as persoas.
Cando alguén merca un piso en Vigo sen pensar quen vai vivir nel, pero si en cantos cartos pode recibir cada mes, está a exercer unha forma de violencia económica. Cada vez máis anuncios inmobiliarios falan unicamente de rendibilidade, investimento e beneficios. Xa non se pensa nas persoas nin nunha problemática social que non deixa de agravarse.
Ao mesmo tempo, o turismo masivo está a expulsar as veciñas e veciños do centro de Vigo. Persoas que sempre viviron alí e que agora xa non poden permitilo. Créanse espazos cada vez máis orientados ao turismo, máis caros e inaccesibles, mentres a poboación é desprazada á periferia, onde os servizos son máis escasos e a dependencia do vehículo privado é maior pola falta de alternativas de transporte adecuadas.
Isto supón unha auténtica limpeza social disfrazada de progreso. E se xa é difícil para quen pode adaptarse a vivir lonxe do centro, cabe preguntarse que ocorre coas persoas maiores, con quen depende dos servizos de proximidade ou con quen non ten capacidade para desprazarse diariamente.
O que esiximos non é negociable
As demandas que presentamos non son concesións que pedir, senón dereitos que esixir:
· Zona residencial tensionada XA: para limitar os prezos do alugueiro e poñer fin á arbitrariedade dos propietarios.
· Contratos estables: recuperando as prórrogas obrigatorias, porque ninguén debería vivir co medo constante a perder o seu fogar.
· Regulación do alugueiro temporal: poñendo freo aos contratos de tempada que precarizan a vida de milleiros de persoas traballadoras.
· Ampliación do parque público de vivenda: empregando os inmobles baleiros xa construídos para responder ás máis de 10.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda pública na cidade.
· Atención real ás persoas sen fogar: eliminando os límites temporais de estancia nos albergues, ampliando as prazas estables e garantindo acompañamento social, psicolóxico e sanitario.
Isto é só o principio
A mobilización non remata aquí. A loita pola vivenda continuará ata que este dereito sexa unha realidade efectiva para todas as persoas.
A quen dubida da utilidade de saír á rúa dicímoslle que hai un ano milleiros de persoas xa denunciaban o negocio da vivenda. Un ano despois seguimos aquí porque nada cambiou. Mais iso non significa que esteamos perdendo. Significa que estamos a gañar espazo político, que nos estamos a organizar e que somos capaces de situar as nosas necesidades no centro do debate público.
A vivenda é un dereito, non un privilexio
Non vimos negociar cos rendistas. Vimos dicir que os seus beneficios non valen máis ca a nosa supervivencia. Cando compran vivendas para alugalas, están a obter beneficios a costa dunha necesidade básica. Cando aumentan os prezos, están a poñerlle prezo ao noso benestar.
Nós sabemos algo que eles parecen ter esquecido: sen traballadores, sen estudantes, sen familias que vivan nestes barrios, Vigo non existe. Eles poden esperar por unha oferta mellor. Nós non podemos esperar por un alugueiro accesible. Necesitamos un teito agora.
“Fóra rendistas dos nosos barrios” non é só un lema; é unha declaración de principios. A nosa cidade non é un activo financeiro. É o noso fogar. E imos defendelo.

